Selva de Esmelle


Archive for the 'Persoas' Category

Inxustos con Rodríguez

Ese é o título dunha columna de opinión publicada o venres por Manuel Rivas en El País. O último parágrafo do texto di:
"É certo que a do nacionalismo galego contemporáneo é unha historia, ás veces, pouco piadosa e exemplar. É certo que, ás veces, as peores puñadas téñense dado entre compañeiros e irmáns, malgastando as forzas e o tempo. Mais hoxe é de xustiza falar dun tempo comparativamente mellor. Beiras, Nogueira e Rodríguez son de madeira distinta, mais de madeira nobre. Como políticos, como docentes, como investigadores, teñen dado froitos que enriquecen o seu país. Qué recibiron por parte de moitos condutores de opinión na propia terra? Ignorancia e mal trato. Couces."

Subscribo plenamente estas palabras, iso si, engadiría algúns nomes máis e non necesariamente das mesmas siglas, entre os que habería tamén algún que outro de muller.
Decátome de que este é o ano de Curros e volvo a vista atrás e vexo a Francisco Rodríguez en 1978 falándonos do celanovés de forma entusiasta e logo achegándonos a unha compañeira e a min no seu coche ata a casa.
Dende aquela uns cantos encontros, o último en 2005, chegou tarde porque viña de Madrid, só permaneceu unha hora porque tiña que marchar cara a outro compromiso, non importou, contábase con el e alí estivo.

Chuzame! chúzame -
domingo, xaneiro 13th, 2008

Bo Nadal

[Imaxe roubada de O berce das fadas]
Unha sala claustrofóbica nunha cela do macroenxame de morte.
Calor abafante. Unhas ventás demasiado altas que impiden contemplar a vista sobre a ría. Grupúsculos de sufrimento ao longo das cadeiras, afastados, que ninguén escoite as nosas coitas. Tres factorías enormes cuspen refrescos, chocolatinas, cafés e auga mineral de Sigüenza. Calor abafante. Un mozo chora mentres unha muller nova coa que non ten demasiada confianza intenta consolalo pasándolle a man polo lombo. Dous matrimonios cincuentóns falan dunha cartilla de aforros e de ir mañá a primeira hora a facer non sei que cousa, están todos de acordo, elas visten de agoiroso negro, falan en alto, non se ve afectado ningún dos catro, deciden ir xantar. Chega unha enfermeira e todos calamos, comeza a pronunciar nomes e apelidos, coma nos campos de concentración, a cada novo nome un grupo desaparece para ir a outra sala onde será informado. De cando en vez incorpórase algún novo membro á cela pouco implicado sentimentalmente, e comeza a salferirnos cunha morea de trivializacións que dan ganas de ir a por un desfibrilador e aplicarlle a máxima potencia para que cale dunha vez por todas. Calor abafante. E alí agochadiño, no medio de dous abrigos, entre unha revista e un bolso asoma un libro, vexo que é de Fóra de Xogo, non me resisto a tirar un chisquiño del para lle ver o título cando non me ve ninguén e... velaí o está, Cando petan na porta pola noite, unha magnífica obra dun amigo desta Selva, interpreto o feito como unha chiscadela da vida. Por fin somos dos elixidos e pasamos á outra sala. E os familiares queren respostas, unha explicación convincente que desvele o misterio, unha palabra á que lle botar a culpa. E o tac e demais probas médicas póñenlle unha chea de etiquetas á señora da gadaña. Un berro estarrecedor sobe polas escaleiras desde urxencias e ti dis “acaba de morrer alguén”.
Non se sabe se será hoxe o día ou aínda quedan esperanzas de melloría, tampouco se sabe que significaría melloría.
“É lei de vida”
Que frase! Apenas dez letras que abranguen boa parte da historia do pensamento. Nunca reparara na grandiosidade desas palabras, aí as catro xuntiñas resumíndoo todo.
Esta noite non se presenta moi boa pero han de vir outras mellores.
Mentres, deséxolles moi boas festas a tod@s os paseadores desta, a súa, selva.
Chuzame! chúzame -
luns, decembro 24th, 2007

SIDA

Loitemos contra a pandemia:
- Primando o dereito á vida sobre as crenzas individuais.
- Destinando maiores orzamentos á investigación e prevención.
- Negociando dunha forma seria coas grandes farmacéuticas.
- Loitando contra os nosos medos.
- Normalizando as relacións.
- Amando.
Chuzame! chúzame -
domingo, decembro 2nd, 2007

Campaña de animación á lectura 34

Fotografías dun lector aplicado ata o final.


Chuzame! chúzame -
xoves, novembro 22nd, 2007

Aduaneiros / Yolanda

Ben sei que o tema vai xa vello, pero se non digo nada...

Vaia por diante que só son espectadora mediática dun asunto que nun principio produciu en min sorriso por disparatado mais que agora xa só consegue poñerme de mal humor por ridículo comunitario.
Un par de ideas:
- Sexa ou non a forma máis acertada de facer as cousas, nun estado de dereito non se pode censurar a ninguén por se intentar defender lexitimamente usando a lei (e isto, que eu saiba, aínda non aconteceu, e como se así fose).
- Considero que a aparición de comentarios irrespetuosos de carácter anónimo nun blog non debería ser responsabilidade dos seus autores, agora ben, si creo que é a súa responsabilidade o mantemento deses comentarios. Non se pode consentir que baixo o anonimato da rede se fagan todo tipo de acusacións (e xa non falo agora do caso que nos ocupa) sen ningún tipo de responsabilidade.
- O deseño das mariquiñas encantoume, paréceme precioso, ocorrente e elegante. Se fose Yolanda agradeceríalles a publicidade gratuíta.
- Ser unha "poetisa estrela" ten as súas vantaxes e os seus inconvenientes, cría que os segundos xa os tiña superados a estas alturas alguén coa traxectoria mediática de Yolanda Castaño.
Como ben di o noso superpremiado Rubén Ruibal este país é abondo pequeno como para que non sexan necesarios avogados para atoparse se hai boa vontade, mentres, o circo vai como vai.
Amañen as cousas e fágannos felices :D
Chuzame! chúzame -
martes, outubro 23rd, 2007

Fin de vacacións

Sen querelo chegou o día, remataron as VACACIÓNS.
Agosto é un mes de festas tentadoras e de amigos que nos queren.
A Gallaecia portouse ben, sempre o fai.
Aínda eu non me relaxei e... xa comeza de novo a carreira.
Fotografía: Zena Holloway

Chuzame! chúzame -
xoves, agosto 16th, 2007

Marilyn

[Fotografía de Elliott Erwitt]
Xa pasaron 45 anos desde a súa morte (suicidio/asasinato), case medio século despois e aínda segue aí dandonos leccións de erotismo.
Chuzame! chúzame -
domingo, agosto 5th, 2007

Lumes

As malas linguas din que el está contento, hai menos incendios que o ano pasado, debe ser que para as estatísticas da consellería non contan outros lumes.

Chuzame! chúzame -
martes, xullo 31st, 2007

Bolboretas

Suso Requejo (Pontevedra) e outros entomólogos galegos levan cinco anos embarcados nun proxecto de catalogación das bolboretas galegas e agradecen a colaboración de todos aqueles internautas que queiran desinteresadamente poñer o seu gran de area no traballo.
A cousa para aqueles profanos na materia é ben sinxela, simplemente se trataría de enviarlles as fotos que poidamos realizar de bolboretas (en calquera dos seus estados, crisálida, verme, ovo ou adulto) coa localidade ou lugar e concello da captura fotográfica e a data en que foi realizada.
Xa sabedes, a partir de agora que o obxectivo das vosas cámaras tamén dispare sobre as bolboretas.
Se vos parece ben axudade a espallar a iniciativa a través dos vosos blogs e páxinas.
O enderezo para enviar as fotografías ou solicitar máis información é o seguinte:
lepidop@mundo-r.com
[Fotografía de X]

Chuzame! chúzame -
xoves, maio 24th, 2007

Dionisio Pereira


Hai uns días chegaba á Selva de Esmelle unha chamada para axudar a difundir a páxina na que persoas boas e xenerosas apoian ao historiador Dionisio Pereira, eu, demasiado ocupada en ollar o meu embigo esquecera o asunto na bandexa de entrada do correo. Pídolles desculpas.
www.sinhorafranio.com

Chuzame! chúzame -
mércores, maio 23rd, 2007